Despois do lume

Foto: Jesus Suárez Ares

A terrible vaga de incendios forestais que sufrimos este verán pasado estaba anunciada. Foi algo inevitable e sen dúbida repetirase incluso con maior intensidade. Aínda que os anos seguintes a un gran incendio hai menos combustible no monte e adoitan teren menos virulencia. 

Xa explicamos hai un lustro, nesta mesma tribuna, as causas, circunstancias e consecuencias dos incendios forestais de quinta xeración das vagas de incendios de 2006 e 2017. Tamén fixemos un chamamento agónico para mudarmos a irresponsable política forestal que padecemos e que non semella que vaia cambiar nun futuro próximo.

Vaia por diante que hai moitos lugares de características similares ao Barbanza que non arden nunca ou case nunca, e cando sofren o ataque do lume deveñen incendios de pequenas proporcións. Sen entrar en detalles técnicos moi complexos podemos dicir que hai un elemento relevante que nos diferencia deles: unha paisaxe forestal ordeada.

A palabra clave é “mosaico”. Está claro que un territorio ordeado pode sustentar plantacións perigosas. O piñeiro, o eucalipto e a acacia arden moi ben e por iso son chamadas árbores pirofitas e por iso son denostadas sen matices. Por outra banda están as plantacións produtivas de frondosas, de alto valor, como o carballo, o castiñeiro, o bidueiro e o freixo. Estas árbores resisten moi ben o lume. Seguramente o lector viría fotagrafías de aldeas salvadas do lume por estaren rodeadas por unha orla defensiva destas árbores. Hai xente que as chama árbores “bombeiras” porque deteñen moi eficazmente o avance das lapas. 

Pois ben, como é doado de pensar, un monte en mosaico semellaría un taboleiro de xadrez con masas alternas de ambos tipos, ademáis doutras masas de bosque autóctono non produtivo aínda que de alto valor ecolóxico e tamén doutras parcelas de monte baixo e cultivos variados. É dicir un monte parecido ao que existía antes do século XX pero máis tecnificado.

Por desgraza hoxe existen dous elementos novos que gravitan sobre os usos do monte. Por un lado o abandoo do rural que remite á invasión de vexetación pirofita sen control nos eidos outrora traballados. Por outra banda a crise climática, que xa está aquí, digan o que digan os negacionistas.

Nestas circunstancias é fácil predicir que os incendios agravaranse nos vindeiros anos coa aparición dun novo tipo de lume: os lumes de sexta xeración. Son enormes incendios relacionados directamente coa crise climática como o que vimos en Pedrógão en xuño de 2017 e que matou a 64 persoas. Son incendios tan extensos e intensos que non se poden apagar cos medios dispoñibles actualmente.

Por iso non abonda con deter aos pirómanos e dotármonos de máis e mellores medios de extinción, aínda que ambas cousas son necesarias, o que realmente necesitamos son paisaxes en mosaico que nos permitan evitar esos incendios.

E para rematar. A verdade e que me gustaría moitísimo non ter que falar nunca máis de incendios forestais, pero temo que en dous ou tres anos estaremos nas mesmas, laiándonos das medidas non tomadas e do tempo perdido.

Publicado na Voz de Galicia o venres 30 de setembro de 2022 no suplemento A voz de Barbantia nº 177

Esta entrada foi publicada en Artigos A Voz de Barbantia. Ligazón permanente.

Deixar un comentario