Ocaso das bolboretas

Foto: A feiticeira (Vanessa atalanta) é unha bolboreta migratoria que nos visita no verán.

Non sei ata que punto esta percepción é compartida. Igual é que a medida que corren os anos e vou tendo máis pasado que futuro tendo a magnificar vivencias antigas ou acaso é que o lento avance das dioptrías merma a miña percepción do mundo. O caso é que teño a sensación de que cada vez hai menos bolboretas. 

Recordo tempos, non demasiado distantes, nos que as bolboretas enchían de cores os ceos do estío. Hoxe, a cousa ten mudado tanto que cada fugaz visita dun grácil podalirio ou dunha rechamante vanesa devén nunha sorpresa fascinante. Incluso o encontro cunha humilde bolboreta da col é unha ledicia.

Hai informes científicos que acusan directamente deste desastre ao uso desproporcionado de insecticidas e outros químicos nas prácticas agrícolas, outros tamén culpan ao imparable declinar das plantas autóctonas e outros ao cambio climático. Non sabería eu sentenciar con rotundidade o caso pero o que sí entendo o importante papel que as bolboretas xogan nos ecosistemas e as consecuencias da súa perda.

As bolboretas, como os demais insectos polinizadores son o resultado dun ronsel coevolutivo que leva funcionando máis de cen millóns de anos. Daquela algunhas plantas comenzaron a producir néctar e as primitivas bolboretas comenzaron a visitalas para libar o doce líquido. Inconscientemente conducían o pole que as impregnaba a outras flores, axudando ás plantas a reproducirse. 

Devagar foron adaptándose mutuamente: canto máis longa se facía a flor, máis longa a lingua da bolboreta. As plantas comenzaron a desprender aromas deliciosos que servían de atraentes para os insectos libadores mentres que estes desenvolveron capacidades olfactivas e visuais máis refinadas para atopar con eficacia as flores desexadas. Tanto é así que á volta duns millóns de anos planta e bolboreta tiñan establecido un contrato vital vinculante. 

O resultado foi un entramado de relacións de dependencia na que cada especie de planta especializouse nunca especie de bolboreta, á que atrae coas cores e os aromas favoritas, e cada especie de bolboreta especializouse para polinizar un tipo de flores ao que adaptou a súa anatomía. 

E volvendo ao ocaso das bolboretas. Nos últimos 30 anos, varias universidades europeas están a utilizar o sistema BMS (butterfly monitoring scheme) para determinar a abundancia das bolboretas. E sí, confirman a sospeita do inicio.

Pola súa parte, a agricultura intensiva, especialmente a que se realiza en grandes invernadoiros atopou un polinizador eficaz para as plantas cultivadas: o abellón común (Bombus terrestris). Cunha caixa de 70 exemplares, que custa uns 40 euros, poden polinizar mil metros cadrados de cultivo.

A desaparición dos polinizadores ventureiros, como as bolboretas leva a desaparición das plantas silvestres que están asociadas a eles. Como consecuencia a biodiversidade se reduce e o ecosistema empobrécese drasticamente. 

As bolboretas non son unicamente uns fermosos animais, tamén son un dos mellores indicadores da saúde dos ecosistema.

Publicado na Voz de Galicia o sábado 28 de outubro de 2023 no suplemento A voz de Barbantia nº 188

Publicado en Artigos A Voz de Barbantia | Deixar un comentario

Alquimia nas pedras

Fotografía: Jesús Suárez Ares

Tempos houbo nos que os alquimistas aspiraban a transmutar chumbo en ouro. Fútil empeño de investigadores precientíficos que pretendían subvertir a orde natural e acabaron levando a algúns á fogueira e a outros á melancolía. 

Sabemos que dos 118 elementos químicos coñecidos, os dous máis lixeiros (helio e hidróxeno) foron os primeiros en formarse, nos momentos iniciais despois do Big Bang. Outros elementos, tamén lixeiros, formáronse axiña no interior das primeiras estrelas pero os elementos máis pesados non apareceron ata que algunhas estrelas grandes estouparon en forma de supernovas. 

Xa no alborexar do século vinte, con Becquerel, Rutherford e Bohr, entramos nunha nova era de alquimistas atómicos. Poucos anos despois, a ciencia, esporeada polas urxencias bélicas, dou coa chave para romper o átomo e tamén para crear novos elementos. Estes elementos non existen de forma natural no noso planeta aínda que si no interior das estrelas xigantes vermellas. Son elementos radioactivos, inestables e de vida tan curta que apenas se manteñen durante unhas fraccións de segundo.

Sabemos que a radioactividade é un fenómeno natural, mais… hai algún proceso radioactivo cerca de nós? Volvendo a mirada á mole granítica do Barbanza buscamos inutilmente algún indicio. Existen? A resposta é si, pero non son perceptibles aos ollos. 

A moita fondura baixo os nosos pés, o uranio que contén o granito transfórmase en radio-226 e este en radón.

O radón é un gas noble, incoloro, inodoro e insípido. Ascende desde as profundidades e acumúlase no metro superficial do solo. Despois libérase, moi devagar, na atmosfera. Ten unha vida tan curta que en 3,8 días a metade dos átomos convértense en isótopos de polonio-212 liberando partículas alfa. O polonio emite máis partículas alfa e tarda menos de tres minutos en converterse en chumbo-214. Este, á súa vez, desintégrase en 27 minutos dando lugar a partículas beta e transformándose finalmente en bismuto-214. Durante este carrusel infernal de desintegración radioactiva libéranse cara a atmosfera partículas alfa e beta, moi perigosas porque de seren aspiradas por unha persoa poden afectarlle aos pulmóns.

O malfafado radón tende a acumularse en sotos mal ventilados. Ao ser inhalado, deposítase nas células epiteliais das vías respiratorias, destroza as células endoteliais próximas, altera o seu ADN e condúceas ao declive maligno do cancro. 

Este gas non representa ningún risco ao aire libre, cando está en concentracións de entre 5-15 Bq/m3. Os problemas comezan en lugares mal ventilados que superen os 400 Bq/m3, que é o umbral de risco que indica a UE. Mais cando se acumula en espazos pechados, como sotos, almacéns e faiados, pode chegar a 10.000 Bq/m3 e resultar realmente perigoso. Por iso é tan importante ventilar todas as estancias das vivendas e lugares de traballo (dez minutos ao día bastan) e tamén medir a concentración de radón nos lugares sospeitosos. 

Ollo fumadores! porque os efectos perniciosos de tabaco e radón son sinérxicos! O risco de padecer cancro de pulmon aumenta 46 veces cando ambas circunstancias van xuntas.

Publicado na Voz de Galicia o sábado 29 de abril de 2023 no suplemento A voz de Barbantia nº 184

Publicado en Artigos A Voz de Barbantia | Deixar un comentario

Animais Extraordinarios

Texto: Xulio Gutiérrez.

Ilustracións: Nicolás Fernández.

Coordinación: Chema Heras

Colección de seis libros de gran formato. Traducidos a varias linguas (castelán, portugués, italiano, alemán e chinés).

Bocas, 2008 (reimpresión en 2016)

Nacer, 2009

Construtores, 2010

Ocultos, 2012

Ollos, 2016

Viaxeiros, 2019

Publicado en Publicacións | Deixar un comentario

Que facemos co Pazo de Goiáns?

Artigo no Seminario de Formación do Profesorado da USC.

Santiago de Compostela 29, 30 de xuño e 1 de xullo de 2011

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Cancións para un mundo mellor

Edita: IES Pobra do Caramiñal, 2007

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Un minuto é máis

Programa de Actividades de Educación Ambiental.

Edita: IES Pobra do Caramiñal, 2007

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Ariadna

Programa Informático de Autoavaliación de Ciencias da Natureza (E.S.O.)

Allegue Informática (Lugo, 1997)

Publicado en Publicacións | Deixar un comentario

Unha árbore caída

Unha ábore caída, en pleno proceso de putrefacción, é o final dunha historia pero tamén o principio doutras.

Sen caer na melancolía, cómpre recoñecer que na natureza, a vida está inextricablemente vencellada á morte. Non hai morte sen vida e non hai vida ser morte. Todo semella un contínuo facer e desfacer de átomos que, combinándose nunha danza incesante de moléculas, transitan entre animais, vexetais, rochas e minerais vertebrando os delicados ciclos bioxeoquímicos. 

Átomos, que constitúen todo o que vemos e que naceron hai millóns de anos. Os máis simples (hidróxeno e helio) a pouco de producirse o Big Bang e os máis grandes por fusión daqueles na explosión das supernovas. Átomos que deron forma a estrelas e nebulosas moito antes de se agregar no noso planeta e modelar os seres que o habitamos, as rochas sobre as que camiñamos e os fluídos que nos sustentan.

Eses mesmos átomos que forman as nosas células son os que milenios atrás formaron parte dos neandertais, e antes dos dinosauros. Resulta sorprendente pensar que podemos levar na punta dun dedo átomos que formaron parte dunha vella montaña, e noutro dedo átomos que estiveron no interior dunha medusa precámbrica. A reciclaxe natural dos átomos fainos partícipes dunha roda cósmica que leva xirando desde que o mundo é mundo. 

Nada mellor que detérmonos a observar un tronco morto no máis avesío do monte para apreciar ese trasfego molecular e a potencia coa que a vida se abre paso nesa circunstancia. Os primeiros colonizadores do tronco son balores e outros fungos, que establecen sutís redes filamentosas a través dos máis leves intersticios da madeira morta e a impregnan do característico arrecendo a mofos. Despois, unha vaga tras outra de oportunistas danse cita para reclamar a súa parte do festín.

É certo que unha árbore morta alberga tanta vida coma unha árbore viva. Incluso máis. Os instintos xenésicos de milleiros de organismos conducen a unha esmorga silenciosa e implacable para tirar o máximo proveito da madeira morta. É suficiente voltear o tronco podre para captar o silencioso labor das laboriosas especies xilófagas, é dicir comedoras de madeira, que aquí proliferan atopando acubillo e alimento. 

Na natureza non existe o lixo. Todo o que morre fertiliza a terra e convértese inmediatamente en alimento para alguén. Este tronco morto é un hotel para réptiles, anfibios e pequenos mamíferos, que vivirán en cavidades labradas no interior da madeira, ben protexidos dos depredadores que axexan fóra.

Tamén é un concurrido supermercado onde se agolpan arañas, cempés, vermes, formigas e outros insectos. Todos á procura de sustento: devorando os fungos que degradan a celulosa, os musgos que tapizan a codia ou devorándose uns a outros nunha batalla caótica e despiadada. Un universo en miniatura amosando as leas atávicas da loita pola supervivencia. 

Pode que dese caos emerxan preguiceiras lesmas ou nerviosas cascudas que, importunadas pola intromisión, intentarán afastarse e proseguir coa enchenta. Pode que, empoleirada nun piñeiro próximo, un gralla nos reprenda cun acre bruazo. En todo caso, e máis aló da evidente metáfora social que poderiamos construír arredor desta imaxe, nada mellor que un paseo polo bosque nun serán outonizo.

Publicado na Voz de Galicia o venres 28 de outubro de 2022 no suplemento A voz de Barbantia nº 178

Publicado en Artigos A Voz de Barbantia | Deixar un comentario

Despois do lume

Foto: Jesus Suárez Ares

A terrible vaga de incendios forestais que sufrimos este verán pasado estaba anunciada. Foi algo inevitable e sen dúbida repetirase incluso con maior intensidade. Aínda que os anos seguintes a un gran incendio hai menos combustible no monte e adoitan teren menos virulencia. 

Xa explicamos hai un lustro, nesta mesma tribuna, as causas, circunstancias e consecuencias dos incendios forestais de quinta xeración das vagas de incendios de 2006 e 2017. Tamén fixemos un chamamento agónico para mudarmos a irresponsable política forestal que padecemos e que non semella que vaia cambiar nun futuro próximo.

Vaia por diante que hai moitos lugares de características similares ao Barbanza que non arden nunca ou case nunca, e cando sofren o ataque do lume deveñen incendios de pequenas proporcións. Sen entrar en detalles técnicos moi complexos podemos dicir que hai un elemento relevante que nos diferencia deles: unha paisaxe forestal ordeada.

A palabra clave é “mosaico”. Está claro que un territorio ordeado pode sustentar plantacións perigosas. O piñeiro, o eucalipto e a acacia arden moi ben e por iso son chamadas árbores pirofitas e por iso son denostadas sen matices. Por outra banda están as plantacións produtivas de frondosas, de alto valor, como o carballo, o castiñeiro, o bidueiro e o freixo. Estas árbores resisten moi ben o lume. Seguramente o lector viría fotagrafías de aldeas salvadas do lume por estaren rodeadas por unha orla defensiva destas árbores. Hai xente que as chama árbores “bombeiras” porque deteñen moi eficazmente o avance das lapas. 

Pois ben, como é doado de pensar, un monte en mosaico semellaría un taboleiro de xadrez con masas alternas de ambos tipos, ademáis doutras masas de bosque autóctono non produtivo aínda que de alto valor ecolóxico e tamén doutras parcelas de monte baixo e cultivos variados. É dicir un monte parecido ao que existía antes do século XX pero máis tecnificado.

Por desgraza hoxe existen dous elementos novos que gravitan sobre os usos do monte. Por un lado o abandoo do rural que remite á invasión de vexetación pirofita sen control nos eidos outrora traballados. Por outra banda a crise climática, que xa está aquí, digan o que digan os negacionistas.

Nestas circunstancias é fácil predicir que os incendios agravaranse nos vindeiros anos coa aparición dun novo tipo de lume: os lumes de sexta xeración. Son enormes incendios relacionados directamente coa crise climática como o que vimos en Pedrógão en xuño de 2017 e que matou a 64 persoas. Son incendios tan extensos e intensos que non se poden apagar cos medios dispoñibles actualmente.

Por iso non abonda con deter aos pirómanos e dotármonos de máis e mellores medios de extinción, aínda que ambas cousas son necesarias, o que realmente necesitamos son paisaxes en mosaico que nos permitan evitar esos incendios.

E para rematar. A verdade e que me gustaría moitísimo non ter que falar nunca máis de incendios forestais, pero temo que en dous ou tres anos estaremos nas mesmas, laiándonos das medidas non tomadas e do tempo perdido.

Publicado na Voz de Galicia o venres 30 de setembro de 2022 no suplemento A voz de Barbantia nº 177

Publicado en Artigos A Voz de Barbantia | Deixar un comentario

Torbernita

Foto: Jesús Suárez Ares

Torbern Olaf Bergman estudaba demasiado. Mentres que o seu pai quería que se fixera avogado, el debecía pola física. Para compracelo, matriculose en ambas carreiras na Universidade de Upsala. O caso é que o corpo non lle aguantou e tivo que tomarse uns meses de repouso. Neses tempos adoitaba pasear polo campo e pararse a observar plantas e animais. A súa mente inquisitiva levouno a descubrir varios tipos de insectos e incluso a corrixir (con razón) ao seu mestre Linneo sobre a natureza dos ovos dunha peculiar sambesuga. 

Xa en 1758 regresou a Universidade onde se graduou e comezou a ensinar matemáticas e a iniciar exitosas investigacións no campo da física. Ata que, casualmente, tivo a oportunidade de ocupar unha cátedra de química e mineraloxía. Nunca lle prestara moita atención a estas disciplinas pero pronto destacou como químico analítico, introducindo a nomenclatura binomial para os minerais e creando a clasificación moderna dos minerais a partir da súa composición química.

Precisamente nesta época recibíu unha mostra dun curioso mineral verde descrito por Abraham Gottlob Werner que el analizou e nomeou. De aí o nome do mineral que protegoniza este artigo.

A torbernita é un mineral que se clasifica como uranilfosfato e aparece con frecuencia nas fendas das rochas graníticas formando bonitos cristais dunha cor verde intensa. A súa fórmula é complexa, Cu(UO2)2(PO4)28-12·H2O e amosa a presenza dun elemento inquietante, o uranio. Non se trata dun mineral estable: procede da uraninita e desfaise con facilidade por deshidratación. 

O achado de torbernita no granito indica a presenza de uranio e outros elementos radioactivos. Estes minerais son a causa da presenza de gas radón en moitas áreas de Galicia. 

Que ten que ver a torbernita co radón? Para contestar esta pregunta debemos recordar que os isótopos radioactivos, coma os do uranio e radio proceden das profundidades do manto terrestre e ascenden lentamente no seo dos magmas que dan lugar ás rochas graníticas. Cando os material magmático arrefríase o suficiente fórmanse os minerais que coñecemos (cuarzo, feldestatos e outros) antes de que a erosión faga aflorar a rocha.

Nesta viaxe telúrica, os minerais radioactivos van sofrindo de forma natural un tipo de desintegración que os transforma noutros elementos químicos máis lixeiros ao tempo que desprenden a temida radiación.

A menos perigosa, en teoría, parece ser a radiación alfa. Cada partícula alfa está formada por dous protóns e dous neutróns. Non ten capacidade de penetrar a pel humana e degrádase axiña. Pero a cousa cambia cando o o elemento radioactivo é un gas. O gas radón pode ser inhalado e chegar aos tenues vasos sanguíneos dos pulmóns. Aí a radiación alfa pode facer un estropicio colosal alterando as delicadas células dos alveolos pulmonares e causar un cancro. 

Así e todo, tranquilidade! Non hai que crear alarmas infundadas ao respecto do gas radón. É certo que abunda en Galicia pero en concentracións moi baixas. Tan só hai que coidar a ventilación nas vivendas para evitar que se acumule en exceso. Tampouco é perigoso desfrutar dun exemplar de fermosa torbernita na colección de minerais. 

Publicado na Voz de Galicia o venres 29 de outubro de 2021 no suplemento A voz de Barbantia nº 168

Publicado en Artigos A Voz de Barbantia | Deixar un comentario