Sete xeitos de mirar unha paisaxe

Na novela de Jean M. Auel “Las llanuras del tránsito” a parella protagonista é conducida por un nativo ata un outeiro, desde o que se divisa un amplo val polo que discorre un ancho río rodeado de bosques. Durante uns minutos os tres fican abraiados pola impresionante beleza do lugar.

– Estarás farto de subir ata aquí, só para indicar o camiño aos viaxeiros- observa a protagonista, rompendo o máxico silencio.

– Non, non- responde o guía -. Cada vez que veño, miro cos ollos do meu acompañante, e sempre me parece  un lugar distinto e marabilloso.

Non creo que o lector sexa alleo ás emocións dunha vivencia como a relatada, por exemplo ao acompañar a uns forasteiros ao cumio da Curota. Penso que en poucas ocasións existe unha aproximación tan intensa a unha percepción sistémica sobre un territorio. O concepto abstracto de paisaxe cobra forma tanxible. Parece que todo ocupa un lugar – o seu lugar -, e calquera perturbación particular alteraría o sistema enteiro. Incluso un simple ruído podería romper a ilusión do momento.

Pero a interpretación da paisaxe depende tamén de outros factores. Cando o dominio emocional é substituído polo dominio racional a perspectiva cambia radicalmente. Pérdese a unicidade primitiva e éntrase nun proceso de deconstrucción no que a paisaxe descomponse primeiro en unidades, en elementos, en aspectos visuais, etc., despois analízanse as relacións entre os elementos e finalmente constrúese unha nova imaxe mental, aglutinadora e de síntese.

Esta imaxe mental -a paisaxe percibida- é diferente para cada persoa. Depende da formación, ideoloxía e intereses do observador. Por iso hai tantas maneiras de ver, e de entender, un mesmo lugar.

Un naturalista ve fisicamente as arboredas, os prados e o mato, e percibe intetectualmente os ecosistemas con toda a súa complexidade e interaccións. Un enxeñeiro de montes ou un agricultor diferencia as especies rendibles das que non o son e sopesa o rendemento que se podería obter do seu correcto aproveitamento. Un cazador busca os acubillos das especies cinexéticas e valora a ameaza que para o seu deporte supoñen outras especies que considera alimañas. Un historiador identifica as construcións que evocan outros tempos e outras formas de vida. Un poeta encontra imaxes e sensacións que lle servirán para impulsar o seu proceso creativo. E como aquí pode subir todo o mundo diremos que un político verá obras, necesarias ou non, e a forma de conseguir algúns votos e un crego, sen dúbida, almas que salvar.

 

Publicado na Voz de Galicia o venres 26 de febreiro de 2010 no suplemento A voz de Barbantia nº 52

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Barbantia. Ligazón permanente.

One Response to Sete xeitos de mirar unha paisaxe

  1. Ayla di:

    Vaia home, tantas veces que teño lido o libro -mesmo saquei desa saga o meu nick- e non recordo así a chegado onde os Zelandonii xD

    Por certo, o último libro sae neste vindeiro mes de marzo. O malo e que ainda haberá que esperar para telo en castelán (¡xa non digo en galego!) pero quen queira ler “The land of the painted caves” en versión orixinal poderá facelo a partir do 29 de marzo.

    PD: Seica os protagonistas veñen dar á Península Ibérica, un motivo máis para terller ganas. ¿Leremos quen pintou as covas de Altamira? Jejeje

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s