Alquimia nas pedras

Fotografía: Jesús Suárez Ares

Tempos houbo nos que os alquimistas aspiraban a transmutar chumbo en ouro. Fútil empeño de investigadores precientíficos que pretendían subvertir a orde natural e acabaron levando a algúns á fogueira e a outros á melancolía. 

Sabemos que dos 118 elementos químicos coñecidos, os dous máis lixeiros (helio e hidróxeno) foron os primeiros en formarse, nos momentos iniciais despois do Big Bang. Outros elementos, tamén lixeiros, formáronse axiña no interior das primeiras estrelas pero os elementos máis pesados non apareceron ata que algunhas estrelas grandes estouparon en forma de supernovas. 

Xa no alborexar do século vinte, con Becquerel, Rutherford e Bohr, entramos nunha nova era de alquimistas atómicos. Poucos anos despois, a ciencia, esporeada polas urxencias bélicas, dou coa chave para romper o átomo e tamén para crear novos elementos. Estes elementos non existen de forma natural no noso planeta aínda que si no interior das estrelas xigantes vermellas. Son elementos radioactivos, inestables e de vida tan curta que apenas se manteñen durante unhas fraccións de segundo.

Sabemos que a radioactividade é un fenómeno natural, mais… hai algún proceso radioactivo cerca de nós? Volvendo a mirada á mole granítica do Barbanza buscamos inutilmente algún indicio. Existen? A resposta é si, pero non son perceptibles aos ollos. 

A moita fondura baixo os nosos pés, o uranio que contén o granito transfórmase en radio-226 e este en radón.

O radón é un gas noble, incoloro, inodoro e insípido. Ascende desde as profundidades e acumúlase no metro superficial do solo. Despois libérase, moi devagar, na atmosfera. Ten unha vida tan curta que en 3,8 días a metade dos átomos convértense en isótopos de polonio-212 liberando partículas alfa. O polonio emite máis partículas alfa e tarda menos de tres minutos en converterse en chumbo-214. Este, á súa vez, desintégrase en 27 minutos dando lugar a partículas beta e transformándose finalmente en bismuto-214. Durante este carrusel infernal de desintegración radioactiva libéranse cara a atmosfera partículas alfa e beta, moi perigosas porque de seren aspiradas por unha persoa poden afectarlle aos pulmóns.

O malfafado radón tende a acumularse en sotos mal ventilados. Ao ser inhalado, deposítase nas células epiteliais das vías respiratorias, destroza as células endoteliais próximas, altera o seu ADN e condúceas ao declive maligno do cancro. 

Este gas non representa ningún risco ao aire libre, cando está en concentracións de entre 5-15 Bq/m3. Os problemas comezan en lugares mal ventilados que superen os 400 Bq/m3, que é o umbral de risco que indica a UE. Mais cando se acumula en espazos pechados, como sotos, almacéns e faiados, pode chegar a 10.000 Bq/m3 e resultar realmente perigoso. Por iso é tan importante ventilar todas as estancias das vivendas e lugares de traballo (dez minutos ao día bastan) e tamén medir a concentración de radón nos lugares sospeitosos. 

Ollo fumadores! porque os efectos perniciosos de tabaco e radón son sinérxicos! O risco de padecer cancro de pulmon aumenta 46 veces cando ambas circunstancias van xuntas.

Publicado na Voz de Galicia o sábado 29 de abril de 2023 no suplemento A voz de Barbantia nº 184

Esta entrada foi publicada en Artigos A Voz de Barbantia. Ligazón permanente.

Deixar un comentario