Ocaso das bolboretas

Foto: A feiticeira (Vanessa atalanta) é unha bolboreta migratoria que nos visita no verán.

Non sei ata que punto esta percepción é compartida. Igual é que a medida que corren os anos e vou tendo máis pasado que futuro tendo a magnificar vivencias antigas ou acaso é que o lento avance das dioptrías merma a miña percepción do mundo. O caso é que teño a sensación de que cada vez hai menos bolboretas. 

Recordo tempos, non demasiado distantes, nos que as bolboretas enchían de cores os ceos do estío. Hoxe, a cousa ten mudado tanto que cada fugaz visita dun grácil podalirio ou dunha rechamante vanesa devén nunha sorpresa fascinante. Incluso o encontro cunha humilde bolboreta da col é unha ledicia.

Hai informes científicos que acusan directamente deste desastre ao uso desproporcionado de insecticidas e outros químicos nas prácticas agrícolas, outros tamén culpan ao imparable declinar das plantas autóctonas e outros ao cambio climático. Non sabería eu sentenciar con rotundidade o caso pero o que sí entendo o importante papel que as bolboretas xogan nos ecosistemas e as consecuencias da súa perda.

As bolboretas, como os demais insectos polinizadores son o resultado dun ronsel coevolutivo que leva funcionando máis de cen millóns de anos. Daquela algunhas plantas comenzaron a producir néctar e as primitivas bolboretas comenzaron a visitalas para libar o doce líquido. Inconscientemente conducían o pole que as impregnaba a outras flores, axudando ás plantas a reproducirse. 

Devagar foron adaptándose mutuamente: canto máis longa se facía a flor, máis longa a lingua da bolboreta. As plantas comenzaron a desprender aromas deliciosos que servían de atraentes para os insectos libadores mentres que estes desenvolveron capacidades olfactivas e visuais máis refinadas para atopar con eficacia as flores desexadas. Tanto é así que á volta duns millóns de anos planta e bolboreta tiñan establecido un contrato vital vinculante. 

O resultado foi un entramado de relacións de dependencia na que cada especie de planta especializouse nunca especie de bolboreta, á que atrae coas cores e os aromas favoritas, e cada especie de bolboreta especializouse para polinizar un tipo de flores ao que adaptou a súa anatomía. 

E volvendo ao ocaso das bolboretas. Nos últimos 30 anos, varias universidades europeas están a utilizar o sistema BMS (butterfly monitoring scheme) para determinar a abundancia das bolboretas. E sí, confirman a sospeita do inicio.

Pola súa parte, a agricultura intensiva, especialmente a que se realiza en grandes invernadoiros atopou un polinizador eficaz para as plantas cultivadas: o abellón común (Bombus terrestris). Cunha caixa de 70 exemplares, que custa uns 40 euros, poden polinizar mil metros cadrados de cultivo.

A desaparición dos polinizadores ventureiros, como as bolboretas leva a desaparición das plantas silvestres que están asociadas a eles. Como consecuencia a biodiversidade se reduce e o ecosistema empobrécese drasticamente. 

As bolboretas non son unicamente uns fermosos animais, tamén son un dos mellores indicadores da saúde dos ecosistema.

Publicado na Voz de Galicia o sábado 28 de outubro de 2023 no suplemento A voz de Barbantia nº 188

Esta entrada foi publicada en Artigos A Voz de Barbantia. Ligazón permanente.

Deixar un comentario