Estramonio

Somos un pobo contraditorio que declaramos non crer nas meigas pero admitimos que habelas, hainas. Somos quen de transitar con fluidez entre o fervor relixioso e o anticlericalismo, entre a pertenza ao grupo e o individualismo feroz, entre o altruísmo máis sublime e o egoísmo máis inicuo, entre a ciencia e a superstición…Quizais non sexa máis que espírito de supervivencia pero o caso é que, ante a enfermidade, aceptamos coa mesma naturalidade as prescripcións facultativas e os remedios caseiros.

Ou quizais sexa porque non están tan lonxe os tempos en que certas medicinas eran un luxo inalcanzable para a maioría da xente, que debían recorrer aos remedios tradicionais que proporcionaban certas persoas posuidoras de esgrevios coñecementos transmitidos de xeración en xeración.

Algúns deses remedios eran puras supersticións: amuletos, pedras dotadas de supostos poderes máxicos e prácticas místicas; aínda que non hai que obviar o seu efecto como placebo: a simple crenza do poder curativo produce unha melloría aparente. Pero outros remedios, maioritariamente procedentes do mundo vexetal, tiñan unha base empírica e un efecto real, pois moitas plantas conteñen principios activos de probada acción terapéutica.

Unha delas é o estramonio (Datura estramonium) ou figueira tola. Trátase dunha planta vivaz, moi común en todos os continentes (agás na Antártida, claro) que xunto coa beladona (Atropa beladona), a mandrágora (Mandragora officinarum) e o beleño (Hyoscyamus niger) forma a cuarteto de plantas máxicas por excelencia.

Estas plantas foron utilizadas desde tempos remotos en rituais máxicos e cerimonias de bruxería polas alucinacións que producen, moi vívidas, unhas veces de carácter sexual e outras de tipo violento e autodestrutivo, e resultaban imprescindibles nos ritos romanos en honra do deus Baco e nos aquelarres medievais. Un dos efectos máis curiosos que producen é a sensación de ingravidez, o que facía crer aos consumidores que voaran polo aire durante o delirio.

A altísima toxicidade dos alcaloides que contén o estramonio (atropina, hiosciamina e hioscina) válelle o triste record mundial de ser a planta que produce máis intoxicacións. O seu consumo como droga é un exercicio de estulticia irresponsable xa que, sen amplos coñecementos farmacolóxicos, é case imposible diferenciar a dose axeitada da dose mortal.

Pero o estramonio tamén é unha planta útil. Ten multitude de usos medicinais: emprégase para aliviar os espasmos da musculatura lisa dos asmáticos, para dilatar as pupilas  nas revisións oftalmolóxicas, como sedante do sistema nervioso central e como anestésico local. Ademais, sérvelle á industria farmacéutica para a extracción da hiosciamina, un principio moi usado para o tratamento da dor.

Polo visto, o estramonio é unha planta contraditoria. Coma nós.

 

Fotografía: Carlos Miguel.

Publicado na Voz de Galicia o venres 31 de outubro de 2008 no suplemento A voz de Barbantia nº 38

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Barbantia. Ligazón permanente.

One Response to Estramonio

  1. amparo roger di:

    Me gusta mucho, eres genial…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s